| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Maria Mariño 2007

Retrato de Marina Mariño pintado por Alfonso Costa


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

María Mariño 2007

Cando se celebra o centenario do nacemento de María Mariño, a Real Academia Galega dedícalle o Día das nosas Letras á poeta noiesa e courelá. Letras, as súas, nacidas dunha orixe humildosa e dunha serodia escrita que nos achega unha breve pero intensa produción literaria.

Autora de Palabra no tempo e Verba que comenza, sitúase na perifería da vida intelectual e artística, abeirada na soidade mesta do Courel. A súa poesía, ancorada nun intimismo existencialista, finca tamén nun orixinal tratamento da paisaxe, na presenza desacougante da morte, na consideración vital do tempo, e no drama dunha existencia esgazada entre a ameza de destrución e o desexo de vivir.

O ecoar da poesía popular galega e da obra rosaliana non encoran o trazo persoal, quebradizo e dificilmente reducíbel a molde das letras da María Mariño que gasta un trato dinamiteiro, rupturista, da linguaxe e axúdanlle a compor unha obra poética na que a palabra agroma desde o chan máis fondo.

Cantos alentos pra unha fosa-Deus
Cantas pontes para un arco!
Canto!
Canta auga, canta terra,
canto don!
Si entre eles eu nacín,
si entre eles me hei de marchar,
si deles non hei saber,
ouh
quítalle as sombras ó sol ti, latido amigo,
quitaille ríos, regueiros e fontes á auga,
quitaille á terra,
quitaille o don que entre nós morre sin saber del,
quitaille o noso abono,
afogade cos mares o tempo aquil que foi
noso.
Que o vento diga, que o vento diga do seu.
Non foi esto o que ela dixo.
Prendeume a terra nas súas galas un día pouco,
cando eu iba nacendo
prendeume.
Ceiboume logo na escada xa cega, xordamuda,
ceiboume.

Sin saber pra onde ir nin a donde agarrarme,
de todo núa, cando dela de a feito non sabía
agarreime ó vestido da fe.
Hoxe, co vestido vello xa,
voume,
voume indo.
Do camiño no me di.
As galas daquel con día de terra volven de novo a min

certas, verdadeiras:

e diante delas camiño a paso limpo.

María Mariño, ilustración de Alfonso Costa para a obra Cantiga da costureira poeta de Xosé Agrelo Hermo.




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal