| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Maria Mariño 2007

Retrato de Marina Mariño pintado por Alfonso Costa


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

A Galiza de María Mariño

María Mariño nace nun tempo en que por Galiza enteira agroma a loita pola terra; no seu ano natal, en 1907, créase Solidariedad Gallega e a onda agrarista, antiforal e anticaciquil abanea o sistema político da Restauración. A vida vilega da nena costureira vive atenta á efervescencia campesiña que varre as terras do Barbanza.

Na ribeira norte da ría de Arousa, na parroquia boirense, no solar do noutro tempo podente pazo das Torres de Goiáns, entra María Mariño na madureza cando chegan os tempos esperanzados da Segunda República. O pulo demográfico dos núcleos vilegos da costa e unha vaga intensa de transformación socioeconómicas contribúen á modernización dos labores do campo, das actividades comerciais, da industria e do mar. Tamén xermola unha nova idea de Galiza que procura o seu autogoberno e madurecen as nosas primeiras industrias culturais ao redor do pulo creador das Irmandades da Fala e do Grupo Nós.

Nas vésperas do estourido da guerra civil, María súmase á onda migratoria dos galegos e galegas que procuran nas zonas industrializadas do Estado español novos empregos e mellor vida. Pacede a crueza do cerco das tropas franquistas a Bilbao.

En 1937 retorna a Boiro e casa, en 1939, co mestre Roberto Pose Carballido. Retornará, por cousa dos destinos docentes do marido, outra volta a Euscadi, e na vila biscaína de Elantxobe morará durante o curso 1945-46.

A segunda metade dos anos corenta, marcados pola morte do seu fillo Roberto, do seu irmán Emilio e mais da súa nai Filomena, transcorren nas terras dun Courel en que se intensifica o seu devalo demográfico por mor da emigración cara á América do Sur. As terras da alta montaña galega ficarán á marxe das transformación socioeconómicas xeradas a raíz das iniciativas desenvolvementistas do primeiro franquismo no marco do Plan de Estabilización de 1959.

No transo dos anos duros da autarquía cara ao ensaio de benestar da ditatura, será cando María Mariño principie a escrita dos poemas que reunirá en Palabra no Tempo.

Isolada en Parada do Courel, saberá por intermediación de Uxío Novoneyra sobre o xermolar cultural, de vontade disidente, que comeza a facerse sentir en Galicia. Unha vaga de resistencia e afirmación cultural que impulsará, entre outras moitas iniciativas, a celebración do primeiro Día das Letras en 1963, ano en que Palabra no tempo sae do prelo da luguesa editorial Celta.

1963 achegará tamén outros proveitosos proxectos culturais que aínda hoxe se manteñen; será así o ano fundacional de Ediciós do Castro e cando Galaxia recupere a edición da revista Grial e se constitúa a Agrupación Cultural O Facho.

Doente de leucemia, a poeta noiesa ocupa os derradeiros anos de vida en escribir Verba que comenza, que conclúe en 1967. O 19 de maio de 1967, no ano en que o Día das Letras recoñecía a lírica afoutada de Manuel Curros Enríquez, morría en Parada do Courel María Mariño.

A rúa Felipe de Noia a comezos de século XX




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal