De Noia a Escarabote
María Mariño foi filla dunha familia vilega de artesáns, zapateiro e costureira, o que a sitúa nunha posición social levemente superior á media, nunha Galicia de comezos de século en que a meirande parte da poboación é campesiñado non propietario da terra. Malia isto, na súa familia de cinco irmáns todos tiveron que traballar desde novos. María, coma súa nai, de costureira.
Con 20 anos marchou coa familia a Escarabote, Boiro. Unha tía súa herdara o Pazo das Torres de Goiáns ao morreren sen fillos os propietarios. Na década que pasa vivindo neste lugar da Ría da Arousa, a poeta ten acceso aos volumes da biblioteca do pazo.
No País Vasco: Berango e Elantxobe
No ano 1936 María Mariño viaxa ao País Vasco, á casa de súa irmá Concha. Na primavera de 1937 vive a ofensiva das forzas fascistas que supuxo o bombardeo da Lexión Cóndor hitleriana sobre Gernika ou o cerco de Bilbao, acontecementos que han permanecer no seu recordo e que tratará no libro inédito e incompleto Los años pobres. Memoria de guerra y postguerra.
Logo voltará á casa da familia, en Escarabote, e alí, ao rematar a guerra civil, casa co mestre compostelán Roberto Pose Carballido. Os destinos laborais do seu home irán trazando o mapa vital da poeta a partir deste momento.
No ano 1945 volverá a Euskadi, á localidade de Elantxobe (Biscaia) e regresará onda a familia a Noia, para ter un neno que só vivirá unhas semanas. A proximidade entre esta morte, a de dous irmáns e de súa nai, que irá a canda ela e Roberto Pose ao Courel, provocoulle a María Mariño unha depresión que condicionará o lugar que escolla para vivir.
De Romeor do Courel a Parada de Moreda
Romeor do Courel será o seguinte destino laboral do home de María Mariño e o lugar onde fica
enterrada súa nai. A casa escola de Parada de Moreda, preto da estrada que vai desde a vila de Quiroga até o lugar de Seoane do Courel será o sitio definitivo en que viva a poeta ao longo de vinte anos. É aquí onde coñece a familia Novo Neira e comeza a súa amizade coa nai, coa irmá e mais co autor d'Os eidos.
A pesar de que as achegas á súa biografía coinciden en sinalar que a poeta estrañaba o mar e desexou durante ben tempo un traslado para A Coruña, será en Parada onde quede e, como dixemos, onde escriba os dous libros que compoñen a obra galega completa que hoxe está editada.
Será tamén onde se conforme unha certa imaxe de misterio que a acompañou como escritora até hoxe, por vivir nun lugar pequeno e illado mais tamén por se manter afastada do mundo cultural e público. Se María Mariño escribiu na súa xuventude, non o deu a ler, e os seus contactos no espazo cultural foron escasos e mediatizados, igual ca a publicación da súa obra, por Uxío Novoneyra.
Algunhas das persoas coas que mantivo contacto foron Otero Pedrayo, cunha relación epistolar indirecta a través de Novoneyra, e tamén por carta con Ánxel Fole e con Domingo García Sabell. Así mesmo, coñeceu, por visitas que estes lle fixeron ao poeta do Courel, e posteriormente porque ela se trasladou a Compostela e a Monforte, a Ramón Piñeiro e a Manuel María.
Pazo das Torres de Goiáns, en Escarabote, Boiro.
Elantxobe
Casa Escola de Parada de Moreda