| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Maria Mariño 2007

Retrato de Marina Mariño pintado por Alfonso Costa


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

Voces mesturadas

Ana Romaní

"A escritora María Mariño sitúase nas marxes do sistema literario, por biografía, por obra. Sen vínculos apenas -e sempre por mediación- co medio cultural do seu momento, as pegadas desta muller que accede ao mundo das letras con 50 anos trazan unha traxectoria que poderiamos describir hoxe coas súas propias palabras: terra de sin pisadas. E o mundo literario galego? É quen de abordar hoxe por fin periplo tan singular? Na cuestión María Mariño o silencio fala, ou talvez evidencia o que cala."

Festa da Palabra Silenciada, 21 1997 (2006)


Xosé Luís Méndez Ferrín

"A falla cáseque ausoluta de influencias literarias (a de Novoneyra é insignificante) favoreceu certa torpeza do seu verso (en patrón octosilábico e popular, disfrazado en liñas longas) pero permitiulle esplorar sin freno as suas posibilidás de autoaniquilación. Permitiulle, quizais sin sabelo, coincidir con Antonio Machado en que poesía "es palabra en el tiempo". [...] María Mariño é a cousa máis impoética do mundo, porque é poeta. Carece de identidade, e seu eu é fluído. Continuamente a sua personalidade se nos vai das mans, fuxe, vai cara as cousas, cara o mundo. Cara ises fenómenos que non poden ver os poetas ipsistas, porque pasan a vida falsificando unha imaxe decorativa de si mesmos. María Mariño á fica á materia, á natureza, ao mundo. Fala por boca do mundo, e fai que o mundo entoe o himno de ela".

La Noche (1965)


María do Cebreiro Rábade Villar

"É neste segundo libro onde a poeta participará, en altísimo grao, dunha concepción moderna da poesía. E faino porque é capaz de lles recoñecer ás cousas -os filósofos dirían ao mundo fenoménico-, un papel no que poucos poetas da súa xeración (tanto en Galicia como fóra de Galicia) repararon."

Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza, 2 (2006)


Chus Pato

Non considero, por tanto, mística a escrita de M. M. C., tampouco pannaturista, nin escura, nin intuitiva, nin popular

Penso si, nun drama, drama a dúas bandas: a destrución e o desexo de vivir. O amor e a ausencia na morte do ser amado. A necesidade do amado dunha amada morta.

Penso na ira e no desexo de xustiza no mundo

Penso na palabra como creación (creación do mundo, do visíbel)

Festa da Palabra Silenciada, 21 1997 (2006)


Carmen Blanco

"É esta a obra dunha inusitada voz de muller popular galaica creadora cun mesto mundo mariñán, propio e intransferible, nacido dunha poética radicalmente intimista e dunha linguaxe absolutamente rupturista, inventada precisamente para expresar a inefabilidade desa extrema experiencia mística persoal luminosamente escura. [...] O intimismo da autora non é unha vivencia esencialista, pechada ou narcisista, senón existencialista, dinámica e aberta á terra, ao mar, á xente e ao conxunto da materia e do mundo."

María Mariño. Vida e obra (2007)


Fran Alonso

"As escasas referencias á súa obra, o descoñecemento da súa vida, o seu afastamento do mundo cultural e a confusión sobre as súas datas de nacemento, unido ao decisivo feito de ser muller, teceran arredor da súa figura unha desafortunada mitificación a través da que mesmo se chegou a cuestionar a súa existencia como persoa e como poeta."

A vida secreta de María Mariño, 2007


María Xosé Queizán

"A poesía de M. M., aínda que a terra é substancial, "terra, verba miña!", "terra, alma dona", e a natureza ocupa un lugar capital nos seus versos, é unha poesía metafísica que indaga en conceptos que foron e son obxectos de pensamento filosófico: a palabra e o tempo. " Tempo é tempo e o mismo Tempo. O que pasou non se foi. Nil estamos. En el hai". Existencialismo. Reflexión sobre o ser e o tempo, en terminoloxía heidegeriana. Que ninguén se deixe enganar polos seus recursos populares, polas reiteracións, incluso polo caos lingüístico! Estamos ante unha obra filosófica; Que non aludan á súa escasa cultura libresca ou ao mínimo contacto co mundo literario! Enfrontámonos a unha poesía fonda, un pensamento dificilmente penetrable, un universo poético que non se aprende nos manuais. O estilo imítase; o pensamento e a conciencia, non."

Álbum de mulleres de culturagalega.org


Helena González

"Cómpre abandonar a idea de María Mariño como un enxerto ecoico no estripeiro bifronte de Rosalía-Novoneyra, porque non son estes os únicos diálogos intertextuais que establece esta escritora, que foi lectora infatigable, e que callan na profundidade dunha poética fóra de moldes, non pautada, atraente e non previsible. Unha escritora que quixo ser poeta e narradora."

Estudo introdutorio de "Mas allá del tiempo" (2007)


Xerardo Agrafoxo

"Vinte anos na vila de Noia, vinte anos mudando de casa cada certo tempo e vinte anos residindo nunha aldea do Courel constitúen a síntese biográfica desta poeta que transcendeu ao seu tempo grazas a uns versos que destacan pola súa orixinalidade no tratamento da paisaxe, a presenza obsesiva da morte e a inquedanza ante algo vagamente presentido."

Biografía de María Mariño (2007)




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal